Monday 29 de April de 2024

Comezan os traballos para remodelar o parque infantil da praza Casares Quiroga, en Elviña, onde se crearán 12 prazas adaptadas en xogos inclusivos


Está previsto substituír o firme do recinto, así como a instalación dun novo pórtico-bambán e un carrusel inclusivo da modalidade ‘spinmee’, adecuado para as persoas usuarias en cadeira de rodas

O Concello puxo en marcha este mércores os traballos de mellora previstos no parque infantil da praza Casares Quiroga, no barrio de Elviña, onde se introducirán novos xogos inclusivos que permitirán a creación de 12 prazas adaptadas para nenas e nenos con mobilidade reducida.

Esta iniciativa dá continuidade ao plan de execución dunha proposta que xurdiu a través dos Orzamentos Participativos, que abrangue intervencións similares noutros catro parques infantís da cidade: na praza de Pontevedra —onde os traballos comezaron a mediados de maio—, na rúa Fragas do Eume (Novo Mesoiro), a praza Elíptica (Os Rosales) e o parque de Vioño.

En todos eles está previsto acometer unha remodelación dos accesos ás instalacións de xogo, ademais de melloras no pavimento, mudando os pisos de area por un firme de caucho, co obxectivo de reforzar a seguridade e comodidade das pequenas e pequenos.

Este mércores instalouse o valado perimetral na área infantil de Casares Quiroga No caso do parque infantil da praza Casares Quiroga, as obras iniciáronse onte coa disposición do valado perimetral necesario para acoutar a zona de intervención.

A superficie total da área de xogos é de 736 metros cadrados, mais os traballos de remodelación levaranse a cabo en 180 metros cadrados, concretamente no sector noreste do recinto, onde está previsto substituír o pavimento actual de grava por un novo tapete de céspede artificial.

Sobre el instalarase un novo pórtico-bambán, con capacidade para 8 persoas usuarias e composto por unha cesta, unha cadeira-arnés, un berce e un pequeno bambán conxunto para adultos e menores.

Ademais, tamén se disporá un carrusel inclusivo da modalidade spinmee, con capacidade para 4 persoas usuarias e adecuado para as persoas usuarias en cadeira de rodas.
Neste sentido, o plan de traballo establece que as melloras nos parques infantís de Elviña, praza de Pontevedra, Os Rosales, Vioño e Novo Mesoiro completaranse nun prazo máximo de seis meses. En todo caso, as cinco intervencións iranse levando a cabo de forma progresiva e, nalgúns casos, de forma coincidente —en función das datas de recepción das estruturas de xogo—.